Homenaxe ás campionas do Extrugasa

VILAGARCÍA > O Cortegada – Extrugasa regresa á elite do baloncesto feminino nacional tras unha fase de ascenso na que brillou con luz propia a vilagarciá Sara Gómez, nomeada mellor xogadora do torneo. Todo o club recibía hoxe unha merecida homenaxe á súa imparable carreira deportiva.

extrugasarecibimento_300_250406.jpgSó unha tempada foi necesaria para que estas campionas recuperaran a categoría que por nivel de xogo e constancia se merecen. Este mediodía o equipo de goberno vilagarciá, así como membros da oposición e veciños renderon homenaxe ó afán de superación e ó xogo demostrado polas xogadoras. Ó acto tamén asistiu a delegada provincial de deportes e o director xeral para o deporte, que destacaron a importancia que cobran os deportes femininos en Galicia, a comunidade que conta con mais conxuntos nas altas categorías do deporte.

O adestrador, Víctor Lapeña, culmina así un estreo inmellorable. As vilagarciáns encararon a fase de ascenso coa mirada posta na categoría que tiñan que abandonar hai un ano, conscientes de que non querían deixar escapar esta oportunidade. As xogadoras recibiron un obsequio da Xunta de Galicia e outro do concello, en lembranza da fazaña desta fin de semana en Madrid e de toda unha tempada brillante. Elas entregaron varios dosieres sobre o Extrugasa.

No acto tiveron palabras de agradecemento para a afección, que as apoiou dende o principio e tamén agradeceron ó Extrugasa o seu esforzo, unha empresa que sempre estivo e estará aí para impulsala carreira deportiva de varios conxuntos locais.

Redacción Salnés