O músico Suso Bello coordinará o local de ensaio de Ribeira

    RIBEIRA> Os grupos de Ribeira xa teñen á súa disposición unhas completas e equipadas instalacións para os seus ensaios. O músico Suso Bello será o encargado de controlar o acceso á sala e organizar as sesións de ensaio e gravación. Aínda que xa comezou a funcionar a mediados de febreiro, o concello de Ribeira pretende darlle o pulo definitivo ó local de ensaio emprazado no soto do auditorio municipal. O encargado de facelo será o músico ribeirense, Suso Bello, que porá toda a súa experiencia a disposición dos grupos noveis. Unha vez estea funcionando a pleno rendemento, impulsaranse numerosos proxectos; o máis inmediato, a gravación dun disco. Polo momento a sala de ensaio xa conta con sete grupos como usuarios; un número que de seguro aumentará dada a cantidade de bandas emerxentes na localidade. O concello traballa xa nun regulamento de usos do local. A sala abrirá os venres de sete a oito e media e sábados e domingos durante todo o día. Os interesados poden reservar a través da web www.acasitarecords.es.