Liberdade sen cargos para o técnico do Pontevedra acusado de violación por unha xogadora

PONTEVEDRA > Antonio Rodríguez, o adestrador do equipo feminino do Pontevedra Club de Fútbol detido onte por un presunto delicto de violación a unha das xogadoras do plantel, saíu tras declarar en liberdade sen cargos. O Pontevedra Club de Fútbol agarda a que se esclarezan os feitos e estudia a posibilidade de denunciar a un dos dous implicados pola mala imaxe que este escándalo acarrea para o club, unha vez que a xustiza dictamine quen di a verdade e quen minte.

antoniorodriguezadestradorpontevedrafeminino_300_260406.jpgA investigación continúa aberta en torno ós feitos denunciados pola xogadora de 29 anos, que acusa a Antonio Rodríguez por un presunto delicto de violación. O adestrador permaneceu onte declarando por espacio de máis de dúas horas e hoxe durante máis de catro horas, tralo que o xuíz dictou a primeira resolución xudicial que deixa a Rodríguez en liberdade sen cargos, polo que polo momento a xustiza dá a razón ó técnico, ante a falta de probas que demostren os feitos denunciados.

A sede do club recibía hoxe esa primeira resolución con optimismo, anque xa adoptaron as primeiras medidas, co fin de que o club se vexa involucrado o menos posible nun escándalo así. Polo momento, o adestrador está apartado da súa actividade. Preténdese así que, ata que se esclareza o caso, o Pontevedra CF dea imaxe de inmediatez ante as crises, seriedade e un código de comportamento e de conducta indiscutible.

Os directivos falaron onte co técnico, que se manifestaba moi afectado e derrotado ante a acusación. O club destacou o seu traballo dende hai 2 anos e mais recentemente como adestrador do conxunto feminino e manifestaron en varias ocasións a súa valía como profesional. A xogadora, din, é unha máis e trala conversa mantida con ela, amosábase tranquila e pouco nerviosa. O acusado, segundo o club, está recibindo na súa casa axuda psicolóxica e sufriu varios desmaios durante a súa estadía nos calabozos. Polo momento e ata que se esclarezan os feitos, o informe do forense favorece ó adestrador pontevedrés ó non atopar indicios de forza ou lesións.

O club estudia agora as consecuencias deste escándalo e é probable que denuncien á quen a xustiza dictamine finalmente que minte, polos graves danos e prexuízos que lle crea á entidade deportiva.

Redacción Salnés