Arranca a campaña do polbo con menos capturas que o pasado ano

RIBEIRA> Malia que aínda é prematuro facer balance, o arranque da campaña do polbo tras meses de veda non deixou moi boas sensacións. As dúas primeiras xornadas deixaron menos capturas que en anos anteriores aínda que a cotización foi bastante boa.

En Ribeira, unhas 80 embarcacións iniciaron a campaña do polbo tras dous meses de veda. Aínda que levou bastantes horas, a maioría volveron a porto co tope de capturas, fixado este mes de xullo, en 35 quilos por embarcación e tripulante.

Na lonxa de Ribeira descargáronse máis de 5600 quilos cun prezo medio de case 13 euros.

Tras este arranque de campaña, condicionado sen dúbida pola forte presenza do nordés, as perspectivas non son tan optimistas como o pasado ano aínda que haberá que agardar ás próximas xornadas para ver como evolucionan as capturas.