Cambados, punto de partida da concentración de coches clásicos da Ruta Turística A Lanzada

CAMBADOS> Os coches clásicos toman Cambados. O concello será o punto de inicio da XVI Ruta Turística A Lanzada, que organiza o Club de Amigos dos Vehículos Antigos. Será na fin de semana do 25 e 26 de maio.

Na primeira das xornadas, o sábado, os coches concentraranse no aparcadoiro situado ao carón da praza de abastos de Cambados. De aí partirán, contra as 7 e media, para percorrer a vila e os concellos de Meaño e Sanxenxo, rematando a xornada nesta vila, onde organizarán unha cea nun hotel da Lanzada.

O domingo partirán dese punto ás 10 da mañá para dirixirse á adega Torrer Penales de Meaño. Alí servirán un aperitivo e ofrecerase unha degustación de viño.

O encontro rematará de novo na Lanzada, onde se ofrecerá un xantar de confraternidade. Á cita calcúlase que asistirán uns 40 vehículos, de entre os anos 60 e 90. O prazo para inscribirse remata o vindeiro 21 deste mes.

Dende a organización salientan o interese que espertan este tipo de coches non só entre os maiores, senón que tamén entre a rapazada.