MEIS> O concello de Meis insiste en que o parque acuático será unha realidade. Esta fin de semana o alcalde compareceu acompañado de representantes da empresa promotora. Con varias pezas que darán forma aos tobogáns destas instalacións de fondo, anunciaron que a intención é que o parque estea operativo en abril do vindeiro ano.
Abril de 2020 é a nova data establecida para que o parque acuático de Meis sexa por fin unha realidade. Esta fin de semana, equipo de goberno e empresa promotora quixeron despexar todas as dúbidas que existen ao redor do proxecto. Por iso visitaron a parcela de Penente.
Aproveitando a visita, colocouse o cartel que informa do inicio das obras. Os movementos de terra comezarán este mesmo mes, e moitas das pezas que darán forma aos tobogáns xa están no terreo de Penente.
O prazo de execución da obra será de ao redor de doce meses. Así, a empresa estima que en abril de 2020 xa se poderá gozar da parte seca do parque, que contará cunha zona de xogos con tirolina e dun restaurante. En xuño abrirá o espazo con auga, cunha piscina con ondas de máis de 2.000 metros cadrados.
O proxecto prevé a contratación de entre 70 e 80 persoas. A día de hoxe xa se recolleron 350 curriculums, pero o prazo mantense aberto. Os interesados poden entregalo nas oficinas do concello de Meis.