En prisión o coruñés José Manuel Lata e un novo detido na operación Zapatos

    CAMBADOS > O coruñés José Manuel Lata, detido por segunda vez na operación Zapatos, ingresou o xoves na prisión de A Lama por orde da xuíz titular do Xulgado de Instrucción número 1 de Cambados. A estas dependencias están sendo trasladados tódolos detidos co fin de determinar, a través das súas declaracións, o grao de implicación de cada un deles no asasinato dos curmáns Feijóo. A Garda Civil detivo ademais nas últimas horas a outro suposto implicado, un súbdito alemán, interceptado en Barcelona. Dos que xa declararon ante a xuíz, foron postos en liberdade o lugués Jaime Díaz Rodríguez, o portugués Wilson Ricardo de Oliveira, localizado na Coruña, e Gladis Silva Santos, arrestada en Madrid.

    detidosoperacionzapatosjosemanuellata_300_270406.jpgA xuíz titular do Xulgado de Instrucción número 1 de Cambados decretou o ingreso en prisión do coruñés José Manuel Lata (na foto), tras prestar declaración o xoves pola mañá. Este home xa fora detido en decembro pasado pola súa presunta vinculación co asasinato dos curmáns Feijóo, perpetrado o 3 de decembro nun muíño abandonado de Cambados. Lata, que se atopaba actualmente en liberdade tras pagar unha fianza de 18.000 euros, foi conducido de novo ás dependencias xudiciais ó ser outra vez detido polo caso, xa que os investigadores sospeitan que é unha das persoas que puido tomar parte na trama que desencadeou na morte dos mozos, Ricardo Feijóo Vázquez e José Ángel Feijóo Abal. O seu nome apareceu vinculado ó aluguer do Seat Ibiza co que supostamente fuxiron os sicarios a Portugal e que foi atopado calcinado en Valença do Minho.

    Á sede xudicial cambadesa chegou xa tamén a documentación relativa ás investigacións levadas a cabo co seguimento a cada un dos detidos. Parece ser que a José Manuel Lata se lle interviñeron os teléfonos o que serviría para localizar a algúns dos outros detidos, como o vasco José Manuel González Lacunza, que podería ser o deseñador do plan para asasinar ós dous curmáns. A investigación sospeita que un súbdito francés que foi detido en Hendaya, no País Vasco, Yohan Piedagnel, é un dos presuntos autores materiais dos asasinatos, aínda que este feito deberá concretalo a declaración do detido. Ó parecer foi identificado nunha gasolineira de Cambados onde puido comprar o combustible co que se regou os corpos.detidosoperacionzapatosxulgadocambados_1_300_270406.jpg

    A xuiz que instrúe o caso decidiu poñer en liberdade ós outros tres detidos que compareceron o xoves, o lugués Jaime Díaz Rodríguez, o portugués Wilson Ricardo de Oliveira (na foto), localizado na Coruña, e Gladis Silva Santos, unha moza de 24 anos que foi arrestada en Madrid xunto a José Manuel González Lacunza. Este hosteleiro vasco afincado en Barcelona está considerado como o presunto cerebro da trama investigada na operación Zapatos. O xoves a Garda Civil tamén detivo a un cidadán alemán en Barcelona, P.L.M.P.M, que se suma ós outros detidos ata o momento, que son José Manuel González Lacunza, a súa muller Sonia Arnau Aullón, interceptada en Barcelona e o francés Yohan Piedagnel. A Garda Civil segue ademais a pista do cambadés Francisco Javier González Rodríguez, que puido ter fuxido esta semana a África. No seu domicilio, na Bouza, en Castrelo, próximo ó lugar onde se localizaron os cadáveres, interveuse un arma.

    Redacción Salnés