O concello de Ribeira sancionará a tres empresas pola realización de vertidos ilegais

    RIBEIRA > O concello de Ribeira vai iniciar un expediente sancionador a tres empresas do municipio por efectuar vertidos ilegais. Os informes foron elaborados a raíz das solicitudes realizadas pola comisión de seguimento de vertidos recentemente constituída na localidade para loitar contra as accións prohibidas que poñen en perigo a riqueza marítima da zona.

    Os informes elaborados a petición da comisión de seguimento de vertidos do concello de Ribeira, tanto pola sección do SEPRONA da Comandancia da Coruña como pola área municipal de Medio Ambiente, veñen a indicar que estas empresas puideron cometer unha infracción por realizar este tipo de vertidos ilegais.

    A comisión de seguimento de vertidos está integrada polos técnicos do propio concello, os patróns maiores de Ribeira, aguiño e Palmeira, a Dirección Xeral da Mariña Mercante a través da Capitanía Marítima, a garda Civil, a Policía Nacional, a Policía Local, a Consellería de Medio Ambiente a través de Augas de Galicia, a Consellería de Pesca, a Autoridade Portuaria e a empresa Aquagest, responsable da xestión da rede de sumidoiros do municipio.

    A constitución deste grupo de traballo supuxo a implicación dos principais organismos relacionados con temas medioambientais, así como os profesionais do sector, na loita contra aquelas actuacións que son moi lesivas para a costa da localidade.

    A comisión, ademais de facer un chamamento ós veciños e ás industrias para que colaboren na erradicación deste tipo de prácticas ilegais, mostrou o seu firme compromiso na loita en favor da conservación do medio ambiente en xeral e dun xeito específico a costa ribeiresa, que constitúe unha das principais fontes de riqueza do municipio, tanto por ser a pesca a principal industria local como polo valor turístico do litoral.

    Redacción Barbanza