Unha espectacular colisión frontal en Palmeira sáldase sen feridos de gravidade

    RIBEIRA > Espectacular foi o accidente acontecido onte nun tramo da parroquia ribeiresa de Palmeira onde se produciu o choque frontal de dous turismos nunha curva perigosa. A pesar da aparatosidade do sinistro ningún dos tres feridos reviste gravidade aínda que a conductora dun dos vehículos tivo que ser excarcerada e trasladada en ambulancia ó hospital do Barbanza.

    Os feitos acontecían onte arredor das sete da tarde cando dous vehículos chocaban frontalmente nunha curva da parroquia de Palmeira coñecida como A Taravela. Por causas todavía descoñecidas, un dos turismos invadeu o carril contrario colisionando frontalmente co coche que circulaba na dirección oposta.accidentepalmeira2_300_150506.jpg

    Os vehículos implicados eran un Seat León con matrícula 9367 DDD, no que viaxaban tres persoas e un Ford Fiesta con placas 3509 BXH. A condutora deste, Eva Maria V. D., quedou atrapada no interior do automóbil polo que foi necesaria a utilización dun equipo de excarceración para sacala do vehículo. A continuación foi trasladada ó hospital do Barbanza onde está a ser tratada de lesións de diferente consideración aínda que afortunadamente non reviste gravidade.

    O conductor do Seat León, Ramón M. G., resultou ileso mentres que as ocupantes Manuela e Miriam M. B. resultaron feridas leves polo que tiveron que ser trasladadas tamén ó hospital.

    A violencia do impacto provocou que os coches quedaran en moi mal estado polo que a estrada tivo que ser cortada durante máis dunha hora.

    Ademais do equipo de bombeiros que rescatou á conductora atrapada, desprazáronse ata o lugar do sucesos dúas ambulancias do 061, outra do concello de Ribeira así como varios equipos da Garda Civil de Tráfico, Policía Local de Ribeira, Protección Civil e Bombeiros de Boiro.

    Redacción Barbanza