O BNG insiste en que a aprobación do PXOM non exime á Pobra da lei de Costas

    bngpxompobra_100_150307.jpgPOBRA > O BNG realizou unha valoración da aprobación parcial do PXOM. Para os nacionalistas o triunfalismo amosado polo executivo local …

    … é absolutamente infundado, xa que segundo eles sería totalmente irresponsable elaborar un novo planeamento sen estar adaptado á Lei 9/2002 de protección do litoral.

    Segundo a portavoz nacionalista, Rosana Pérez, o feito de que o actual PXOM sexa legal non significa que sexa o mellor para a maioría dos veciños. Aínda así, e a pesar de que o dito planeamento segue sen estar adaptado á lexislación vixente, o BNG entende que virá aportar seguridade xurídica ós veciños e ó propio territorio.

    Para os nacionalistas a aprobación do PXOM non quere dicir que o municipio quede á marxe da Lei de Protección do litoral. Segundo eles esta Lei é cautelar, e suspende a edificacción durante dous anos nos primeiros 500 metros de costa. Pola contra o planeamento será un documento definitivo e nalgunhas zonas ampliará os 200 metros de costa obrigatorios ata os 350.

    Circunvalación e ampliación da Tomada

    Os nacionalistas tamén criticaron dous aspectos que se recollen no PXOM, como viñeron facendo nos últimos anos: a estrada de circunvalación e a ampliación do actual polígono da Tomada.

    No primeiro dos casos os nacionalistas consideran que o trazado elixido non é o máis idóneo xa que atravesa núcleos de poboación consolidados, e non suporá unha desviación do tráfico pesado do casco urbano. É máis, anunciaron a súa intención de modificalo se a partir do vindeiro 27 de maio teñen responsabilidades de goberno.

    En canto á ampliación do parque empresarial da Tomada a voceira da formación frentista sinalou que a proposta presentada polo actual equipo de goberno é un ‘remendo’, que non vai soluciona-la carencia de chan industrial existente no municipio, e non vén máis que a tratar de dar cobertura legal a unha determinada empresa que incumpriu toda a normativa urbanística vixente.

    Redacción Barbanza