Evacuados dous operarios de Mariscos Arnoso por inhalación de gases tóxicos

    SALNÉS > Un home de 55 anos, Antonio Rei Vila, permanece na UCI do Hospital Montecelo de Pontevedra, tras sufrir un accidente laboral na empresa Mariscos Arnoso, do Grove. O traballador estaba limpando un foxo onde se garda o marisco e ó parecer inhalou gases tóxicos, posiblemente cloro, polo que sufriu un mareo e perdeu a consciencia. No incidente tamén se viu implicado un mozo de 17 anos que tamén foi evacuado ó Hospital Montecelo, aínda que o seu estado non é grave.

    masriscosarnosoaccidente_300_280406.jpgUn xoven de 17 anos e un home de 55 son os dous feridos nun accidente laboral acontecido este venres pola mañá no Grove, na empresa Mariscos Arnoso. Ó parecer os dous estaban limpando un foxo onde se garda o marisco e inhalaron gases tóxicos, posiblemente cloro, polo que se marearon e un deles perdeu a consciencia. Trátase de Antonio Rey Vila de 55 anos que foi rescatado por Protección Civil do Grove, mentres que o outro dos operarios, un mozo de 17 anos, puido saír polo seu propio pé, aínda que tamén foi evacuado ó Hospital Montecelo de Pontevedra. O seu estado non é grave. Sí o é o de Rey Vila, que está na UCI con ventilación mecánica.

    masriscosarnosoevacuacion_300_280406.jpgO suceso tivo lugar pasadas as once da mañá na conserveira Mariscos Arnoso, situada na zona da Xesteiriña, no Grove. Ata alí desprazáronse numerosos efectivos tanto de Protección Civil como dos Bombeiros do Salnés, así como dúas ambulancias e un helicóptero do 061.

    Non foi o único accidente acontecido este venres na comarca do Salnés. Un cativo de 6 anos resultou ferido leve como consecuencia dun atropelo que se producía este mediodía en Vilagarcía, cando cruzaba coa súa nai na avenida Doutor Tourón por unha zona sen paso de peóns. O tramo no que se produciu o atropelo é un paso habitual para nais, pais e nenos ás horas de entrada e de saída dos centros de ensino e a esas horas adoita haber moito tránsito de vehículos en ámbalas dúas direccións.

    rapazatropelladovilagarcia_300_280406.jpgO rapaz, consciente en todo momento, quedou tendido no asfalto tralo impacto, á espera da chegada dunha ambulancia que o puidese trasladar a un centro de saúde para ser examinado. Os viandantes tentaban tranquilizar ó pequeno e a súa nai, que se viron involucrados nun desafortunado suceso a unha hora de moita actividade na rúa. Ata o lugar desprazouse de seguido unha ambulancia e a dotación local de protección civil. O cativo foi evacuado na ambulancia tras ser inmobilizado, co fin de que no centro de saúde puidese ser recoñecido polos facultativos por mor do impacto recibido. Finalmente, parece que todo quedou nun susto e en feridas leves que non revisten gravidade.

    Redacción Salnés