O pleno aproba a comisión editorial de medios

    VILAGARCÍA > O pleno de Vilagarcía aprobou por unanimidade a creación dunha comisión editorial de medios de comunicación municipais. Unha vella reivindicación do BNG á que finalmente accedeu o grupo de goberno, e que permitiu o apoio dos nacionalistas ós orzamentos deste ano.

    ratonplenovilagarcia_300_280406.jpgPara PP e Esquerda Unida isto supón unha clara rebaixa por parte do BNG, que mudou substancialmente a súa proposta orixinal, e por parte do PSOE, por aceptar algo ó que sempre se negou. O nacionalistas Xosé Castro Ratón negou que houbese rebaixa e defendeu esta comisión informativa como unha ferramenta útil, coa participación igualitaria de tódolos grupos, e con respecto ós profesionais da área de comunicación. O alcalde apelou á cultura democrática para xustificar este cambio de opinión.

    Todos coincidiron na necesidade de crear esta comisión proposta por BNG e PSOE. Esquerda Unida para ter uns medios de información municipais e non de propaganda, o PP porque é un adianto para mudar o tratamento da información actual e IVIL porque fai falta. No pleno tamén se escoitaron propostas. A máis discutida foi a do PP. Tomas Fole pediu que se elaborase un regulamento da forma de traballo desta comisión. Tanto Ratón como Gago non consideraron axeitado normativizar este órgano consultivo.

    Redacción Salnés