![]()
SALNÉS > A morte de Xosé Cuíña foi unha sorpresa para a maioría dos políticos galegos. Aínda que algúns achegados ó político lalinense …
… xa coñecían os problemas de saúde que padecía, o seu falecemento repentino tiñe hoxe de loito a vida política do país. Dende a dirección do PPdG expresaron hoxe o seu pesar pola morte de Xosé Cuíña, unha persoa que destacaron dedicou 34 anos da súa vida á política e a traballar polo partido. Dende o pp autonómico, tamén lle agradeceron a Cuíña todo o que lle aportara ó grupo popular.
Na comarca do Salnés, as reaccións dos políticos populares, tamén foron de sorpresa e pesamento. Xosé Cuíña foi un político dos que sobre todo, e como di a vella expresión, barreu para a casa. Lalín foi unha das localidades máis beneficiadas polo político cando este ocupou os cargos de Presidente da Deputacióne de Conselleiro de Política Territorial. Mesmo hai quen di que o seu soño era converter Lalín na octava cidade galega.
No Salnés, as intervencións de Xosé Cuíña como conselleiro deixaron un sabor agridulce, logo do deterioro e posterior derrube dun tramo da vía de alta capacidade do Salnés. Un erro político que o deputado popular asumiu e do que se fixo responsable. A pesar disto, populares do Salnés coma Luis Aragunde, Gonzalo Durán Salomé Peña, ou Jorge Domínguez agradeceron hoxe os investimentos e actuacións que o político lalinense fixo nas súas localidades.
Ademais dos seus compañeiros de partido, moitos políticos do PSdG e do BNG tamén lamentaron hoxe a perda de Xosé Cuíña, ó que lle recoñeceron o seu papel clave na historia da autonomía galega durante as dúas últimas décadas. O enterro do político será o domingo pola tarde, na parroquia de Prado, en Lalín, segundo informaron fontes do concello, que decretou tres días de loito oficial.
Redacción Salnés









