A CIG Maniféstase en Boiro por ‘un emprego digno e a soberanía nacional’

    BOIRO > A CIG foi a única das tres forzas sindicais que decidiu festexa-lo primeiro de maio con actos na comarca. Medio centenar de militantes da central sindical acudiron á mobilización convocada para esta simbólica data no parque da Cachada en Boiro. Durante o acto, os responsables da organización reclamaron unha maior implicación das administracións na loita contra a precariedade así como unha maior capacidade de autoregulación a nivel autonómico nas competencias laborais.

    O acto de celebración iniciouse cun minuto de silencio para honrar a tódalas vítimas de accidentes laborais rexistrados ó longo dos últimos catro anos na comarca.

    A continuación, baixo o lema ‘Traballo digno; soberanía nacional’, os afiliados á Confederación Intersindical Galega reivindicaron unha serie de melloras laborais durante o que foi o único acto promovido por unha forza sindical que se celebrou na comarca co gallo da festividade do Primeiro de Maio.

    O obxectivo destas medidas, que historicamente ven demandando o sindicalismo nacionalista, é facer fronte á crecente tendencia á precariedade e temporalidade que deriva nun incremento da sinistralidade no traballo.

    Outro dos obxectivos da formación sindical é concoencias á poboación, sobre todo á mocidade, da importancia de participar activamente nas demandas sociais así como conseguir unha maior representación sindical nas empresas e na sociedade en xeral.

    Ademais dos delegados deste sindicato nas empresas da comarca, na manifestación tamén tomaron parte, responsables da confederación intersindical galega a nivel local e comarcal, así como concelleiros do bloque nacionalista galego de Ribeira, Pobra do Caramiñal, Boiro e Rianxo.

    Deste xeito a CIG desmárcase un ano máis dos restantes forzas sindicais galegas, UXT e CC.OO, que non celebraron actos a nivel comarcal senón que participaron nas mobilizacións convocadas nas distintas cidades galegas.

    Redacción Barbanza