Rianxo inviste máis de medio millón de euros nas escolas unitarias

    RIANXO> O concello de Rianxo investiu medio millón de euros no acondicionamento das oito escolas unitarias do municipio. Esta mañá, o alcalde visitaba a escola do Cruceiro, en Taragoña, onde se ten acometido unha das intervencións máis completas. A aposta do concello de Rianxo pola dinamización do rural queda clara con este investimento de máis de cincocentos mil euros con fondos propios para a mellora das escolas unitarias. Noventa e nove nenos de todo o municipio beneficiaranse destas actuacións que, na maior parte dos casos, consistiron na eliminación de problemas de filtracións, renovación da carpintería, substitución do chan e acondicionamento dos baños e dotación de novos servizos. As obra xa concluíron en tres centros e están a piques de facelo noutros tantos.Tan só quedarían pendentes as melloras na escola da Capela, no Araño, e a sede da dirección do CRA nas escolas vellas de Asados. Dúas obras que se adxudicarán esta mesma semana.