O concello de Boiro oferta actividades de ocio alternativo para os mozos da vila

    BOIRO > A Concelleira de Mocidade de Boiro, Dores Torrado, presentou  un programa de ocio alternativo destinado a ocupa-lo tempo libre dos mozos do municipio. A iniciativa inclue cinco actividades deportivas en contacto coa natureza e o medio ambiente que serán postas en marcha pola cooperativa Xarelo.

    As actividades do programa ‘Brincadeira’ darán comezo o vindeiro sábado 6 de maio cun concurso de paintball na que os participantes afrontarán unha guerra con bolas de pintura no monte de Praia Xardín. O equipo que consiga marcar a máis contrincantes recibirá un trofeo.

    O sábado 13 de maio, os máis arriscados poderán saltar ó vacío dende a Pontenafonso na sesión de puenting que terá lugar toda mañá en horario de dez a dúas.

    As rúas de Boiro encheranse de misterio o sábado 20 de maio no que terá lugar a busca dun tesouro por todo o municipio. Os equipos participantes terán que atopar o codiciado premio a través de probas e pistas coa axuda dun mapa.

    brincadeira.gifO sendeirismo tamén ten o seu oco neste programa cun roteiro pola Serra do Barbanza durante o sábado 27 de maio. Os participantes poderán entrar en contacto coa natureza á vez que coñecen os arredores da vila.

    A última das actividades terá lugar nos encoros do río Sil o día tres de xuño, no que se realizará un percorrido en piragua polas augas máis tranquilas.

    Todas estas actividades están dirixidas a mozos de entre 16 e 30 anos que poderán formalizar a súa inscrición no Centro Social de Boiro. O custo da inscrición para cada unha das actividades será de 5 euros, incluindo o desprazamento, seguro e a propia actividade. A edil de Mocidade animou a tódolos mozos do municipio a participar nesta iniciativa que se celebra este ano por primeira vez pero á que agardan darlle continuidade.

    Pola súa banda, o alcalde, Xosé Deira, que tamén acudiu á presentación quixo felicitar ó departamento de xuventude pola organización destas actividades que contribúen a fomenta-lo aproveitamento do tempo libre con actividades deportivas ou en contacto coa natureza.

    Redacción Barbanza