A confraría de Noia remite á Xunta un informe que mostra as carencias de depuración en San Finx

NOIA> A Confraría de Pescadores de Noia entregou hoxe á Xunta un novo informe técnico sobre o proxecto de vertido da mina de San Finx realizado polo recoñecido experto internacional Steven Emerman, a raíz da autorización outorgada por Augas de Galicia a principios de febreiro.

Emerman é un dos máis prestixiosos hidrólogos especialistas en residuos mineiros e xa elaborara, a petición da propia Confraría, o informe inicial sobre o proxecto de vertido.

O documento remitido á Xunta evidencia o absoluto fracaso da proba piloto na que se basea a planta de tratamento de augas de mina aprobada, que non conseguiu controlar os niveis de cinc e que resultou en concentracións de cadmio e cobre disparados, moi por riba dos valores máximos permitidos para estes metais pesados tóxicos.

O informe tamén alerta das deficiencias no estudo dos niveis de contaminantes existentes na mina e conclúe que o proxecto non presenta os rangos das concentracións esperadas de contaminantes.

Dende o pósito noiés faise un chamamento á cordura por parte do Goberno Autonómico para que paralice a autorización.

A Xunta debe resolver o recurso e solicitude de medidas cautelares, aínda que tanto a Confraría como tamén outras entidades, entre as que se inclúe o propio concello de Noia, xa anunciaron que levarán o caso ós tribunais se non se recoñecede a ilegalidade da autorización.

Para o pósito o xeito de actuar da Xunta neste caso é tamén incoherente, pois segundo recoñeceu o propio conselleiro de Industria, Francisco Conde, no Parlamento, non é posible explotar a mina sen tramitar antes un novo proxecto mineiro que debe someterse a avaliación de impacto ambiental.

Por esta razón non se entende como se pode permitir o baleirado de millóns de metros cúbicos de augas contaminadas con metais pesados cando a mina non conta cos permisos necesarios para funcionar.

Dende a Confraría entenden tamén que de non suspenderse a execución da autorización, o vertido das augas que a empresa concesionaria pretende bombear dende as plantas inundadas da mina poderá causar un enorme dano ambiental e un grave prexuízo económico ó sector do mar, pois a ría de Muros e Noia está tan só sete quilómetros por debaixo da mina.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí