Inspectores de toda España participan nun curso de seguridade marítima

    RIBEIRA > Un grupo de inspectores de Traballo de toda España participa estes días en Ribeira nun curso de formación en seguridade marítima. Os asistentes, acompañados dos representantes do Instituto Social da Mariña e o patrón maior ribeirés, foron recibidos esta mañá no salón de plenos do concello polo alcalde, Xosé Luís Torres Colomer.

    O rexedor local brindou ós participantes neste curso unha recepción institucional para darlle-la benvida ó municipio, destacando a importancia da prevención e a seguridade marítima para evitar accidentes. Neste sentido, Torres explicou que Ribeira é un pobo de mar que depende maioritariamente da súa actividade; de aí, a importancia de realizar accións formativas deste tipo no municipio.                         inspectores_300_030506.gif

    As actividades que están a  realizar os participantes neste curso consisten fundamentalmente en avaliar as condicións de habitabilidade e de navegabilidade dos barcos, comprobar os medios de salvamento existentes e comprobar ademais a legalidade en materia de contratación e seguridade social.

    Este curso, que se compón de 30 horas formativas, complementarase con dúas sesións teóricas que se levarán a cabo no Centro Nacional de Formación de Bamio. 

    A xefa de Seguridade Laboral de Inspeción do Traballo en Vigo, María Luisa García Gutiérrez, destacou a necesidade de especialización para garanti-la seguridade no sector marítimo pesqueiro. Así mesmo, referiuse á escaseza de inspectores marítimos en Galicia, especialmente no sur da comunidade polo que veñen reclamando ó Ministerio de Traballo un aumento do cadro de persoal.

    Redacción Barbanza