Luís Pérez Barral e José Carlos Vidal, novos alcaldes de Ribeira e A Pobra

BARBANZA> Constituídas as corporacións nos concellos do Barbanza. Os plenos de investidura celebrados esta mañá deixan caras novas nas alcaldías da comarca. O nacionalista Luís Pérez Barral xa é o novo rexedor de Ribeira mentres que na Pobra foi investido José Carlos Vidal, de Nós Pobra.

Ribeira estrea alcalde. Luís Pérez Barral colleu o bastón de mando tomando o relevo tras 32 anos de goberno popular. O candidato nacionalista foi investido cos votos a favor do seu grupo e os concelleiros do PBBI e PSOE que se integrarán nun goberno tripartito. No seu discurso, o novo rexedor agradeceu a xenerosidade de tódolos grupos e apelou ó diálogo, tamén coa oposición, na busca do mellor para os intereses de Ribeira.

Contra todo prognóstico, na Pobra fíxose co bastón de mando José Carlos Vidal, número tres da candidatura de Nós Pobra. Foi posible tras pechar un acordo in extremis despois de que Nós Pobra aceptara a proposta de VIP e BNG para conformar un cuadripartito apartando ó seu candidato, Xosé Lois Piñeiro, e a número dous Estefanía Ramos, que renunciaron a presentar candidatura pero tomaron posesión das súas actas como concelleiros, xesto que o novo alcalde agradeceu.

En Boiro, onde o pleno non estaba previsto ata as nove da noite, non había demasiada expectación. A maioría absoluta obtida polo socialista José Ramón Romero aseguráballe a renovación no cargo como alcalde durante os próximos catro anos.