A POBRA> Os usuarios do estadio da Alta na Pobra demandan a apertura do módulo cuberto de atletismo. A pesar de que as obras finalizaron hai xa un ano, a instalación permanece pechada e xa presenta deficiencias pola falla de uso.
Xa hai anos que o Club de Atletismo Barbanza propuxo a construción dun módulo cuberto no estadio da Alta para adestrar todo o ano, a pesar do mal tempo. O proxecto que sufriu importantes demoras executouse finalmente sen ter en conta moitas das demandas dos usuarios.
Así a instalación permanece pechada dende hai máis dun ano cando finalizaron as obras. Os responsables do club denuncian que presenta xa deficiencias derivadas das filtracións de auga que limitarán o seu uso unha vez se inauguren.











