RIBADUMIA > Un total de seis grupos da provincia de Pontevedra participarán na décima edición da Mostra de Teatro Afeccionado do Concello de Ribadumia. A primeira das representacións terá lugar o día 13 a cargo do Grupo vilagarcián Teatro Iliria,con ‘El Vínculo’.
A Casa de Cultura de Ribadumia acolle este mes a décima Mostra de Teatro Afeccionado, que contará coa participación de seis grupos da provincia de Pontevedra. As funcións terán lugar durante as fins de semana ás oito e media da tarde con entrada totalmente gratuíta. O grupo Iliria de Vilagarcía será o primeiro en subir ó escenario coa obra ‘El Vínculo’, o día 13, mentres que ó día seguinte estará a Escola Artística de Cuntis con ‘A nosa Vila’. A mostra como tal remóntase a hai cinco anos, coincidindo co nacemento da Escola de Teatro de Ribadumia, subvencionada polo propio Concello.
Na véspera do Día das Letras Galegas, Teatro O Tarabelo de Sanxenxo representará a obra ‘Os pintores non teñen recordos’. O día 20 sairá a escena o Grupo Expresión, de Pontevedra, e o día 21 Aturuxo, de Baión. O broche final da mostra porao o grupo de Ribadumia, Alecrín, coa obra ‘O muiñeiro de Ribadumia’, unha adaptación da novela ‘A Xustiza dun muiñeiro’ na que traballaron activamente os propios alumnos das escola de Teatro municipal.
Esta será a última edición da mostra na Casa de Cultura de Ribadumia, o concello confía en dispor do auditorio municipal o vindeiro ano para prolongar a programación e facela en mellores condicións.
Redacción Salnés