As confrarías piden ao Intecmar que impulse a segunda fase da investigación sobre o reló

    VILAGARCÍA> As confrarías de Arousa continúan coa súa aposta polo reló. Esta mañá trasladaron á directora do Intecmar o estudo que plantexa que o chumbo desta especie non dana ao consumidor, e pediron o apoio da administración para levar a investigación a unha segunda fase de probas con mamíferos. Aínda que o Intecmar non podería liderar este estudo, Covadonga Salgado comprometeuse a falar co investigador responsable da primeira fase.

     

    O sector do Mar da ría de Arousa continúa apostando pola extracción do reló para mellorar a súa situación. A finais de abril, presentaron un estudo da Universidade de Vigo que plantexa que o chumbo que acumula esta especie non dana ao consumidor. Hoxe, levaron esta investigación ao Intecmar, reclamando a implicación da administración.

    Segundo Salgado, o estudo asinado por Ricardo Beiras está en fase preliminar, con probas realizadas en camaróns. A directora do Intecmar explicou que hai convocatorias de axudas públicas para este tipo de estudos, e apuntou que os procesos para conseguir cambios na lexislación son longos.

    A pesares das dificultades, o sector quere seguir cara adiante. Hoxe saíron satisfeitos deste encontro coa directora do Intecmar, aínda que recoñecen que é imposible marcarse prazos.

    Outra cuestión que puxeron sobre a mesa foi o control do reló que chega de fóra aos mercados autóctonos. 

    Neste caso, Salgado remitiunos á Consellería de Sanidade para extremar o control para comprobar que o molusco que chega doutras zonas non excede os niveis de chumbo permitidos.

    {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2016/05maio/26/reunion_intecmar_sector.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2016/05maio/26/reunion_intecmar_sector.mp4{/flowplayer}