Arousa Norte clausura o seu Plan de Creación de Empresas Turísticas

    BOIRO > A Mancomunidade de Municipios Arousa Norte procedeu a entregar os diplomas ós participantes no Plan de Creación de Empresas Turísticas. En total foron uns 20 emprendedores os que se interesaron por aprender a desenvolver un proxecto empresarial relacionado co sector turístico desta zona.

    O Centro Social de Boiro foi o lugar escollido pola Mancomunidade de Municipios Arousa Norte para realiza-la entrega de diplomas ós participantes no Plan de Creación de Empresas Turísticas no que viñeron participando unhas 20 persoas.

    A iniciativa ía dirixida a tódalas persoas interesadas en crear unha empresa, independentemente da súa situación laboral, experiencia profesional ou formación.

    Durante o curso explicáronselles os principais pasos que se deben seguir para a creación dunha empresa e ofrecéuselles orientación personalizada en función do perfil de cada emprendedor.entregadiplomas_300_09052006.jpg

    Posteriormente procedeuse á fase de concreción de ideas empresariais no Obradoiro sobre Oportunidades de Negocio, sendo o último paso do plan de formación o Curso en Xestión Empresarial no que os participantes recibiron as claves para organizar a posta en marcha da súa idea e elaborar o plan de empresa.

    Durante o acto déronse a coñecer precisamente dúas ideas de negocio que foron froito deste Plan de Creación de Empresas. A primeira delas, denominada proxecto Turisport, foi realizada por Víctor Dieste, dirixida á organización de actividades ó aire libre. O segundo dos proxectos presentados foi “Terra de Mar”, baseado na recuperación dunha embarcación tradicional desta zona para destinala á realización de roteiros marítimos.

    O acto serviu ademais para a presentación do novo material promocional de Arousa Norte: os folletos de museos, realizado en tres idiomas e no que se inclúe información sobre os museos, centros de interpretación e salas que existen na comarca e que poden ser visitados, así como o xogo interactivo de Antón o Mexillón, destinado ós escolares do Barbanza, e que se inclúe no proxecto do Plan de Dinamización Turística. Este CD interactivo, realizado pola empresa Imaxina, será distribuído por tódolos centros educativos da comarca.

    Redacción Barbanza