![]()
BOIRO > O concello de Boiro contará cunha sala multiusos como complemento ós locais de ensaio para grupos musicais.
O director Xeral de Mocidade da Xunta de Galicia, Rubén Cela, comprometeuse a sacar adiante este proxecto pioneiro de ampliación dos locais de ensaio en Boiro. A nova sala multiusos, un local de 200 metros cadrados anexo ós locais de ensaio e con acceso independente do centro social, será de carácter convertible. Unha das súas funcións será a celebración de concertos para que os grupos locais que actualmente ensaian nas instalacións do centro social poidan presenta-lo seu traballo.
Espazo lúdico
Cando non se organicen espectáculos musicais, estas dependecias converteranse nuha sala de xogos para a mocidade que dará cabida a distintas actividades. No mesmo espazo contémplase a adecuación de de varias aulas que servirán como sede para asociacións municipais que actualmente comparten un só local ubicado no centro social que as obriga a traballar dun xeito precario.Tamén se baralla a posibilidade de trasladar a esta nova sala a oficina de Información Xuvenil que actualmente se atopa na casa da cultura da Cachada.
Está previsto que no mes de abril, o director xeral de Xuventude se desprace ata o concello boirés para asinar o convenio que permita a posta en marcha desta nova sala.Unha vez asinado o convenio e tralo cumprimento dos prazos administrativos establecidos, as obras poderían iniciarse de cara ó verán.
Redacción Barbanza








