Negativa dos carniceiros a implicarse no financiamento do matadoiro comarcal

    BARBANZA > Os alcaldes da Mancomunidade de Municipios Arousa Norte mantiveron este martes un encontro cos carniceiros da comarca para aborda-la posible construción do matadoiro comarcal. A negativa dos profesionais a implicarse na financiación deste proxecto fai cada vez máis difícil esta obra, optándose agora por outras alternativas non tan ambiciosas.

    Van alá máis de catro meses dende que a Consellería de Sanidade clausurara o matadoiro municipal de Ribeira por incumpri-la normativa europea.Esta situación provocou que moitos carniceiros que levaban alí as súas reses para ser sacrificadas tiveran que desprazarse a outras instalacións fóra da comarca para poder continuar co seu traballo, unha circunstancia que lles ocasiona maiores gastos.matadoiro_300_09052006.jpg

    Dende o inicio do problema a Mancomunidade Arousa Norte amosouse receptiva a colaborar con estes profesionais e mesmo a involucrarse nun novo proxecto de xeito comarcal.Despois de numerosas reunións con eles este martes os alcaldes volveron a manter un encontro con representantes do sector cárnico do Barbanza coa intención de coñecer de primeira man a implicación destes na construción da nova instalación.

    A proposta dos alcaldes pretendía que cada carniceiro asumira unha contía que rondaba os seis mil euros, o resto da inversión necesaria para acomete-la obra sería sufragado polos concellos e pola Deputación da Coruña que estaría disposta a aportar un millón de euros.

    A negativa dos carniceiros a implicarse no proxecto provocará que a Mancomunidade estude outras posibilidades como é a construción do novo matadoiro municipal en Ribeira, para o cal o concello xa ten previsto a cesión dunha parcela en Xarás, ampliando a capacidade de sacrificio e que poida ser empregado tamén por outros carniceiros da comarca.

    No pleno celebrado por Arousa Norte tamén se abordaron outros temas de importancia como a solicitude de construción dun inmoble por parte da Cruz Vermella que será centro de acollida integral e de formación para a asemblea local deste organismo.A realización destas novas instalacións posibilitarán levar a cabo o proxecto de acollida integral para inmigrantes e emigrantes retornados, así como o de integración social.

    Na sesión tamén se iniciaron os trámites para a selección dunha nova xerencia, a proposta de solicitar á Xunta de Galicia e á Deputación da Coruña anticipa-las subvencións para as vixilancias nas praias da comarca, así como tamén a viaxe que está a organizar a Mancomunidade para finais deste mes a Madrid co fin de promocionar esta zona ante inversores e touroperadores nacionais e internacionais e que se desenvolverá na Casa de Galicia.

    Redacción Barbanza