Balance da primeira volta na Terceira División

celtiga100_121107.jpgSALNÉS > Aproxímase o parón de Nadal e chega o momento en que os equipos comezan a facer balance deste primeiro tramo da competición.

A tres xornadas para que se complete a primeira volta, tres equipos do Salnés andan inmersos en problemas, na parte baixa da clasificación.

Ó que mellor lle van as cousas é o Vilalonga. Camiña na parte alta da táboa, séptimo a tres puntos dos postos de ascenso. Entre as notas máis positivas que está a dar o equipo é a súa firmeza coma local; convertiron San Pedro nun campo inexpugnable nestes primeiros meses de competición, con seis victorias e dous empates, que lle dan o título oficioso de mellor equipo coma local.

No “debe” do Vilalonga están os encontros fora da casa. Só foi quen de vencer nunha ocasión das oito nas que se desplazou. Ademais non está a ter sorte coas lesións; teñen a enfermería a rebosar. Agora, antes do parón, viaxan a Coruxo e reciben ó Ordenes, dous complicados rivais que camiñan cunha traxectoria semellante ós de Josiño.

Se seguimos baixando na clasificación o seguinte que nos atopamos é o Arousa, décimo terceiro. As cousas melloraron na Lomba no último mes e medio e de que maneira.

Asinaron unha xeira negativa de resultados no que so sumaron un punto de 21 posibles, o que os meteu de cheo na parte baixa da clasificación e puxo ó adestrador Juan Laxes contra as cordas. Pero o equipo, da man do seu técnico, soubo remontar o vóo e sumar dez puntos nos últimos catro encontros que lle permitren ter arestora un colchón de seis sobre o descenso e mirar dun xeito máis esperanzado ó seu futuro.

Unha esperanza que se alberga nas filas do Portonovo. Tamén o seu adestrador “Piscis” estivo cuestionado nas últimas semanas, despois de que o equipo estivera once partidos sen gañar. Pero as victorias ante Céltiga e Betanzos e a boa imaxe dada en Vilalonga déronlle crédito. Agora son décimo sextos, a un só punto do descenso.

O futuro é incerto nun Portonovo que, pese a amosar que ten calidade de sobra, non é quen de enganchar dúas victorias consecutivas que o sacarían seguro dos postos de abaixo. Antes do Nadal reciben ó Verín e desplázanse a Cerceda.

O que peor pinta ten nas últimas semanas é o Céltiga. Semella que dende que inauguraron oficialmente as reformas do Salvador Otero non son quen de gañar un partido. Ademais viu como se lesionaba, precisamente ante o Portonovo, un dos seus xogadores máis importantes este ano, Adrián Nieto. Sen dúbida a traxectoria está sendo irregular; en setembro metéronlle seis ó Santa Comba e agora acumulan só catro goles nos últimos seis encontros, nos que só sumaron un punto.

Manuel Núñez continúa no banquiño, aínda que cuestionado. Órdenes e Ourense B serán os seus próximos rivais ós que tentarán vencer para poder así saír da cola da clasificación.

Redacción Salnés