Escolares ribeireses participan en clases prácticas de seguridade vial

    RIBEIRA > Os escolares de Ribeira, de entre 8 e 10 anos, están a poñer en práctica estes días os seus coñecementos en seguridade vial participando en clases prácticas polas principais rúas da cidade.
    A iniciativa, promovida pola concellería de Cultura, desenvolverase ata o vindeiro 26 de maio e nela participarán a práctica  totalidade dos colexios do municipio.

    Uns 500 rapaces de Ribeira están a participar no programa de Educación Viaria organizado pola concellería de Cultura que dirixe Luciano Fernández.

    seguridadevial_300_09052006.jpg

    Despois de recibi-las correspondentes clases teóricas ó longo do curso, chega ó tempo de poñer en práctica os seus coñecementos, saíndo á rúa e vendo de primeira man as sinais, os pasos de cebra ou mesmo as dependencias da Policía Local.

    Este martes tocoulle o turno ós alumnos do colexio de Artes, que acompañados polos seus mestres e dirixidos polo cabo do corpo da Policía Local, Xosé Alonso, recibiron información sobre as condutas axeitadas e seguras a aplicar en cada caso.

    Os escolares perfectamente ataviados cunhas camisetas alusivas á campaña de seguridade vial que promove o concello ribeirés amosaron a súa ledicia pola actividade, e non descartan repeti-la experiencia.

    Dende a concellería de Cultura de Ribeira enténdese que a educación é o mellor camiño para a formación dunha conciencia viaria que sirva de base para crear hábitos e actitudes positivas en materia de seguridade no tráfico, de aí a realización deste programa que xa leva funcionando varios anos.

    Redacción Barbanza