![]()
SALNÉS > A policía está desenvolvendo unha operación contra os integrantes dunha rede que a través de dúas sociedades relacionadas coa filatelia terían estafado a miles de aforradores. A investigación iniciouse hoxe nas sedes empresariais do Forum Filatélico e de Afinsa. Parte dos afectados atoparíanse en Galicia.
Seis persoas foron detidas ata o momento e xa se fixeron rexistros en sedes empresariais e domicilios particulares en Vigo, Madrid, Barcelona, e Valladolid en relación cunha presunta estafa en investimentos filatélicos en Afinsa e Forum Filatélico. Estímase que pode haber unhas 200.000 persoas afectadas, entre elas moitos galegos. Precisamente, unha das empresas, Afinsa, ten unha delegación en Vilagarcía de Arousa e outra en Pontevedra, desde onde chaman á calma ós seus clientes. Ademais desde a súa páxina web, www.afinsa.com, sinalan que a súa operativa é totalmente legal e que tódolos investimentos están efectivamente realizados.
As actuacións policiais, ordenadas polos xulgados 1 e 5 da Audiencia Nacional, responden a unha querela presentada pola Fiscalía Anticorrupción, tras unha denuncia previa da Axencia Estatal de Administración Tributaria que apreciou presuntos delictos contra a facenda pública, blanqueo de capitais, insolvencia punible, administración desleal e falsidade documental. A suposta estafa, de carácter piramidal, supón a utilización dos investimentos máis recentes para pagar supostos intereses ós investidores máis antigos, sen chegar realmente a realizar as operacións ofertadas. O sistema era a captación de pequenos aforradores que investían en selos, xeralmente a partir de 300 euros, coa promesa dun interese dun seis por cento anual e de que os seus productos se revalorizarían.
Segundo a Audiencia Nacional se os clientes esixiran a devolución dos seus investimentos suporía a quebra técnica das empresas xa que nunca poderían devolver o diñeiro. A Confederación Estatal de Consumidores Usuarios fixo un chamamento a posibles afectados para que reúnan a documentación e canalicen as reclamacións a través desta asociación de forma colectiva.
Redacción Salnés








