A construción do polígono será unha prioridade para o executivo sonense

PORTO DO SON> O executivo sonense avanza cara a construción do tan ansiado polígono industrial da localidade. Segundo o alcalde, Luís Oujo, esta será unha das principais prioridades do presente mandato, dando así resposta ás reiteradas solicitudes do empresariado local.

O executivo sonense segue con paso firme  de cara á consecución do parque empresarial. Todo pasa agora pola sinatura do convenio entre o Concello e o Instituto Galego da Vivenda e do Solo, IGVS, para que este último organismo dependente da consellería de Economía e Industria se encargue de realizar o traballo técnico necesario para o seu desenvolvemento. Un trámite que podería levarse a cabo nos próximos meses. Segundo o rexedor o Concello decidiu introducir unha serie de cambios ó documento enviado pola Xunta, coa finalidade de abaratar o prezo do terreo, ó seu entender demasiado elevado, o que faría perigar a viabilidade do parque.

Na actualidade xa hai unha reserva de entre 50 e 60 mil metros cadrados de terreos Serían ó redor dunhas 25 empresas as que mostraron o seu interese, a maioría delas vinculadas ós sectores da construción e da pesca.

O futuro parque empresarial estaría situado na zona de Cans, na parroquia de Nebra.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí