Investigado por homicidio imprudente o condutor do Ford Mustang implicado no accidente no que morreu un matrimonio de Sanxenxo

SANXENXO> Investigado por un presunto delito de homicidio imprudente o condutor do Ford Mustang que o pasado sábado provocou un accidente en Sanxenxo que lle custou a vida a un matrimonio do municipio. Apúntase a un exceso de velocidade como a causa máis probable do sinistro. As dilixencias están a ser dirixidas polo xulgado de garda de Cambados.

A última hora da tarde do sábado producíase o accidente en Sanxenxo que lle custaba a vida a Jesús Requejo, antigo traballador do concello, e á súa dona. O matrimonio, de 78 e 76 anos respectivamente, conducía pola estrada PO-504. Segundo informaron fontes municipais, no lugar de Forxán un Ford Mustang invadiu o carril contrario e colidiu contra o vehículo dos veciños de Sanxenxo, arrastrándoo ata un pequeno terraplén.

O condutor do Ford Mustang, un home na vintena natural de Portugal, resultou ferido leve, ao igual que os outros dous ocupantes do vehículo. Agora está a ser investigado por un presunto delito de homicidio imprudente. Aínda que deu negativo nas probas de alcohol e drogas, apúntase a un exceso de velocidade como a posible causa do accidente. A estrada estaba limitada a 50 quilómetros por hora.

Os ocupantes do Ford Mustang estaban na zona para participar na que ía ser a primeira concentración destes vehículos que se celebraba no Concello de Meis. Evento que foi cancelado tras coñecer a triste nova.

Pola súa banda, esta mañá en Sanxenxo celebrouse un minuto de silencio diante do concello na memoria do seu extraballador, xa xubilado, e da súa muller.

A investigación está en mans da Garda Civil e o xulgado de garda de Cambados está a encargarse de dirixir as dilixencias.