Boiro aplaude a proposta da residencia privada pero agarda poder contar tamén cunha pública

BOIRO> Hai uns días facíase pública unha reunión da conselleira de Política Social, Fabiola García, cun grupo de empresarios que promoven a construción dunha residencia privada para a terceira idade en Boiro con preto de oitenta prazas e que incluiría tamén un centro de día.

A residencia emprazaríase nun edificio situado no lugar de Fonte Lomba, na parroquia de Lampón. Unha proposta da que é tamén coñecedor o Concello dende hai tempo, que aplaude a iniciativa.

Aínda así o alcalde, Xosé Ramón Romero, indicou que seguirá a traballar por conseguir unha residencia pública para Boiro, cumprindo así o compromiso dado ós veciños.

Cómpre lembrar que o propio Concello puxo hai uns anos a disposición da Xunta una parcela municipal de preto de seis mil metros cadrados de superficie, próxima ó parque da Cachada, para construir alí a residencia. Unha proposta pola que obtivo, polo de agora, a calada por resposta por parte de Política Social, que decidiu finalmente construila en Ribeira

BNG

O BNG  quixo tamén mostrar a súa postura en relación a este tema. Os nacionalistas seguen a insistir na necesidade de contar cunha residencia pública, para garantir así o dereito á saúde e ós coidados das persoas maiores nas mellores condicións.

Consideran que a iniciativa privada non é a mellor opción, pois responde a fins lucrativos, xerando maiores desigualdades entre os que a poden pagar e os que non.

Por esta razón instan ó equipo de goberno, ó que acusaron de falta de capacidade, a acelerar as xestións para conseguir dunha vez por todas unha residencia pública.

Os nacionalistas anunciaron ademais que comezarán unha campaña para reclamar unha residencia de maiores pública para Boiro.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí