A nova directiva da ABE oponse abertamente ó centro comercial de Espiñeira

    BOIRO > A Asociación Boirense de Empresarios celebrou unha asemblea xeral para a presentación da súa nova xunta directiva presidida por Luís Ángel González Maceiras. No transcurso da sesión, o novo equipo directivo posicionouse abertamente en contra da construción da área comercial de Espiñeira alegando que suporá un prexuízo irreparable para os comerciantes boireses

    O recentemente elixido presidente da ABE presentou a súa nova xunta directiva integrada por Begoña Díaz Soto como vicepresidenta e delegada de Comercio, Vicente Ordóñez Parada, secretario e delegado do polígono, e Francisco Múñiz Vilasoa, que será o encargado da tesourería e delegado da Construción.

    A directiva estará integrada ademais por cinco vocais: María Victoria Romero Sanisidro, Rafael García Hermida. Rosa Mª Casqueiro da Vila (Delegada da Praza de Abastos), Juan José Torradp Chouciño (Delegado de Industria) e Juan José Sieira Otero (Delegado de Hostalería).

    O novo equipo fixo pública a súa postura oficial ante a recalificación dos terreos de Espiñeira para a construción dunha área comercial da empresa LyC, apoiando abertamente ó comercio coa súa oposición a este proxecto. Esta decisión vén trala xuntanza mantida polo presidente cos representntes da empresa promotora así como os contactos cos alcaldes e representantes das patronais doutros concellos do Barbanza.abe_300_120506.jpg

    Luís Ángel González Maceiras confirmou que non existen outras propostas por parte de municipios limítrofes para a implantación deste centro polo que considera que se trata dunha estratexia da promotora para presionar ós comerciantes ante a posibilidade de que o centro comercial vaia para outro concello.

    Neste sentido, a nova directiva reclamou unha maior implicación por parte da clase política para apoiar ós empresarios en lugar de culpalos de querer impedir o crecemento económico de Boiro.

    A postura da ABE é firme posto que non vén demasiados beneficios para o pequeno comercio coa implantación desta superficie comercial xa que os responsables de LyC informaron de que non se permitirá a instalación de calquera comerciante nesta área e tampoco se garante que a creación da nave poida ser levada a cabo por construtores da zona.

    A este respecto, Luís Ángel gonzález informou de que hai socios da ABE e mesmo antigos directivos da asociación que teñen previsto instalar os seus negocios no centro comercial.

    A nova directiva considera conveniente agardar á nova lei de comercio para tomar unha decisión posto que a precipitación á hora de acometer este proxecto podería incumpri-la nova normativa en materia dos metros cadrados destinados ó comercio por cada concello.

    Redacción Barbanza