A noiesa Rosana Calvo faise co Premio Atlante 2015

BARBANZA> A artista noiesa Rosana Calvo foi a gañadora da sexta edición do premio Atlante que organiza a Fundación Museo do Gravado de Artes. O xurado decidiu outorgarlle a ela por unanimidade o Premio Ramiro Carregal dotado cunha contía económica de cinco mil euros. Tamén resultaron premiados o iraní Shirin Salehi, o polaco Tomas Winiarski e a madrileña Mª Luisa Pascual. Polo que respecta ó Premio Barbanza-Ría de Arousa, concedido a un artista nado ou residente na zona, recaeu en Dominga Jesusa Lago. Ó concurso, que segue a experimentar unha gran repercusión tanto a nivel nacional coma internacional, presentáronse este ano 230 gravados, todos eles dunha gran calidade técnica, procedentes de dezaseis países, entre os que se atopan a India, Austria, Irán, Canadá ou Bulgaria, entre outros. Dese total de obras presentadas, o xurado seleccionou tamén uns 65 gravados que se exporán, xunto ás obras gañadoras, nunha das salas do propio Museo.