Cores Tourís acusa a Xosé Ramón Durán de actuar de ‘mala fe’

    CAMBADOS > O alcalde de Cambados asegura que as irregularidades no aparcamento da Merced advertidas onte polo BNG son unha sarta de mentiras. José Manuel Cores Tourís acusa ó portavoz nacionalista Xosé Ramón Durán de actuar de mala fe e desmentiu cada unha das acusacións.

    O alcalde de Cambados, José Manuel Cores Tourís, asegura que non hai trato de favor para ningunha empresa no caso do aparcamento soterrado da Merced. Di que o estudo de viabilidade que se debateu o venres no pleno foi elaborado por técnicos municipais, e non por unha empresa privada como insinuou onte Xosé Ramón Durán.

    O alcalde admitiu que este aparcamento compartirá entrada co garaxe privado que está a construír a constructora da urbanización da Merced pero porque así o consideraron mellor os técnicos municipais. Cores Tourís desmentiu tamén que a empresa este obrando na zona pública como insinuou o BNG.

    O concello reservou 2.000 metros cadrados para un aparcamento soterrado de 2 plantas con capacidade para 144 coches. Os restantes 1.500 metros cadrados de zona pública serán espazos verdes, cun área apartada para o estacionamento de autobuses. Aprobado o plan de viabilidade no pleno sacaranse as bases do concurso para que opte calquera empresa.

    Redacción Salnés