VILAGARCIA> Os bombeiros rescatan en Vilagarcía a un traballador dunha empresa de colocación de andamios tras electrocutarse cun cable da luz. O home recibiu a descarga e cae na parte alta da estrutura que xa tiñan colocada. Foi necesaria a actuación en altura dos equipos de emerxencia para baixar ao traballador e trasladalo en ambulancia ao hospital do Salnés, onde se encontra con prognóstico reservado pero fora de perigo.
Os cables da luz que ven nas imaxes estiveron preto de quitarlle a vida a un traballador dunha empresa de colocación de andamios. Os feitos ocorreron na parte traseira da empresa Frigoatún. A compañía contratou a unha empresa para pintar a fachada e a outra para colocar os andamios e que os pintores puidesen realizar o seu traballo.
No momento de colocación da estrutura, un dos traballadores moveu un ferro que tocou cun cable de media tensión. O contacto provocoulle unha descarga, que segundo indican, notou dende as mans ata os pés caendo desmaiado na parte alta da estrutura.
Para o seu rescate foi necesaria a intervención dos bombeiros de Vilagarcía. O equipo de emerxencias necesitou dunha grúa e unha cesta para poder rescatar ao traballador no alto do andamio. O home atopábase consciente pero non podía moverse.
Unha vez rescata foi trasladado pola ambulancia do 061 ao hospital do Salnés, onde permanece ingresado con prognostico reservado pero, segundo indican, sen que a súa vida corra perigo.
Ademais dos bombeiros e a ambulancia ata o lugar tamén se desprazaron os efectivos da policía nacional e de protección civil de Vilagarcía.