![]()
BOIRO > Un novo caso de vertidos volveu afectar ás costas barbanzás; nesta ocasión a un tramo do litoral de Cabo de Cruz. A mancha rexistrada durante a mañá do sábado na zona do Careixo ocupaba unha superficie aproximada de cen metros cadrados e presentaba unha cor branca de textura similar á espuma. Polo momento, descoñécese a orixe deste vertido aínda que podería tratarse de residuos industriais.
O vertido rexistrábase a primeira hora da mañá do sábado nas rocas da zona do Careixo pertencente á parroquia boiresa de Cabo de Cruz. Os veciños deron aviso á Protección Civil da existencia dunha extensa mancha de cor branca que presentaba uns 30 metros de lonxitude e ocupaba unha superficie de cen metros cadrados.
Efectivos do Grumir de Boiro e unha patrulla do Seprona desprazáronse ata o lugar onde tomaron mostras dos residuos para ser analizado. Polo momento, descoñécese a posible orixe deste vertido posto que non desprendía cheiro algún que puidera desvelar a súa natureza.
O edil de Medio Ambiente de Boiro explicou tamén como está actualmente en funcionamento a ordenanza municipal de vertidos á que deben acollerse as empresas asentadas no municipio.
A pesar de que a mancha atopábase nos arredores dunha factoría situada na zona, os responsables descartaron esta procedencia posto que os seus residuos verten directamente á depuradora de Cabo de Cruz. Ademais esta fábrica non presentaba actividade o venres pola tarde.
Á espera dun análise que determine a composición da substancia, os primeiros indicios apuntan a que se trata dun vertido de carácter industrial.
Redacción Barbanza











