BOIRO> O BNG do Barbanza denuncia o peche de varios centros de saúde periféricos da comarca que permanecen sen actividade dende o inicio da pandemia. Levarán a súa queixa ó Parlamento a través da deputada Rosana Pérez.
Os centros de saúde de Taragoña, en Rianxo, e de Cabo de Cruz, en Boiro, permanecen pechados dende o mes de marzo cando se decretara o estado de alarma. trátase de dous consultorios dos denominados periféricos sobre os que o BNG xa ten denunciado en numerosas ocasións a falla de mantemento e o peche sistemático durante o verán e outros períodos vacacionais.
Ademais de solicitar a súa apertura para evitar os desprazamentos da poboación adscritas a estes centros, o BNG demandará que a Xunta asuma as competencias para o seu mantemento co fin de garantir un mellor estado das instalacións que, na actualidade, apenas cumpren cos mínimos requisitos para unha correcta atención.
Esta situación tamén se rexistra nos centros periféricos de Ribeira, en Palmeira, Aguiño e Corrubedo que, aínda que si permanecen abertos, presentan importantes deficiencias que xa foron denunciadas polo seu persoal.