RIBEIRA> O concello de Ribeira pechará os parques e pistas deportivas ó aire libre. Suspenderá tamén as actividades das distintas asociacións e fomentará o teletraballo en todas aquelas áreas municipais que sexa posible. O obxectivo é reducir a incidencia de contaxios que se duplicou na última semana. Ribeira é un dos concellos en vixilancia pola Xunta. Se a evolución da covid segue así, podería decretarse o seu peche.
O incremento dos casos activos de covid en Ribeira, que se mantén en alerta vermella, cunha incidencia acumulada que se duplicou na última semana, levou ó concello a tomar medidas urxentes para afastar a ameaza do peche perimetral. Entre elas, o peche de parques infantís e pistas deportivas e a cancelación das actividades municipais ou aquelas promovidas polas asociacións durante alomenos dez días.
Na áreas municipais, fomentarase o teletraballo naqueles servizos que sexa posible. E nos que se manteña a atención presencial organizaranse grupos burbulla.
O alcalde fai un chamamento á poboación e ós diversos sectores económicos do municipio para cumprir estritamente as normas e frear a cadea de contaxios. De seguir en tendencia ascendente, non se pode descartar o peche perimetral en datas cada vez máis próximas ó Nadal.