Tomás Fole convértese en presidente do PP local cun 95 % dos votos

    VILAGARCÍA > Tomás Fole saíu elixido esta fin de semana como presidente do PP de Vilagarcía no oitavo Congreso do Partido Popular. Non resultou novidosa a súa elección tendo en conta que só se presentaba a súa candidatura e que, ademais estaba avalada por máis de 300 militantes. O 95% dos votos emitidos fóronlle favorables.

    Tantos foron os abrazos a Tomás Fole como amigos e compañeiros de partido se atopaban no oitavo congreso popular en Vilagarcía este sábado. Entre eles os presidentes do PP na provincia de Pontevedra, Rafael Louzán, o presidente rexional, Alberto Núñez, e numerosos alcaldes da comarca do Salnés. Dos 209 militantes presentes o 95 % respaldaron co seu voto a candidatura única presentada polo que xa é o presidente do PP vilagarcián.

    A lista que o acompaña, desvelada durante o congreso, mistura históricos do partido con novos militantes e xente nova. A deputada Marta Rodríguez será a Vicepresidenta, Juan Carlos Maneiro o Secretario Xeral e Jacobo Rei o Tesoureiro. Haberá tres vicesecretarios que son Elena Suárez, Jaime Ramos e Emiliano Rodríguez e manteranse os secretarios das áreas de Organización e Participación Cidadá, de Política Local, Comunicación e Formación. O obxectivo principal deste novo equipo? Relevar ó actual equipo de goberno no concello vilagarcián.

    Redacción Salnés