AMICOS promove a inserción laboral de mozos con discapacidade a través dun curso de xardinería

    BOIRO> O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, participou na inauguración dun curso de formación de xardinería que organiza a asociación Amicos en Boiro. A iniciativa, na que participan unhas doce persoas, busca a inserción laboral de mozos con discapacidade da comarca. O curso está financiado polo programa Inserta da Fundación ONCE e polo Fondo Social Europeo. Unhas doce persoas, todas elas menores de trinta anos, con discapacidade intelectual, están a participar neste curso de actividades auxiliares en viveiros e xardíns promovido pola asociación Amicos. Trátase dunha acción formativa máis das que desenvolve a entidade, que ten coma principal meta a integración destas persoas no mundo laboral. Na inauguración do curso participaron o director xeral de Inclusión Social da consellería de Política Social da Xunta de Galicia, Arturo Parrado, e a Directora territorial de Inserta-Fundación Once en Galicia, Menchu Iglesias. Dúas das entidades, que conxuntamente co Fondo Social Europeo, financian esta actividade. Os dous destacaron o traballo que desenvolve Amicos, ó tempo que incidiron tamén na importancia de mellorar a formación das persoas con discapacidade e aumentar así as súas posibilidades de inserción laboral. O curso, que se prolongará ata o mes de novembro, terá un marcado carácter práctico, desenvolvéndose boa parte do traballo nos propios viveiros de Amicos.