O concello de Noia desenvolve un plan de mellora dos parques infantís

NOIA> O concello de Noia avanza na mellora dos espazos públicos do municipio cun plan de rehabilitación de parques infantís. As actuacións, coa reforma integral do parque da alameda como proxecto principal, superan os cen mil euros.

Noia destinará máis de cen mil euros á posta a punta de varios parques e áreas infantís do municipio que se atopaban moi deterioradas. Entre as principais actuacións destaca a reforma integral do parque da alameda onde se está a realizar unha poda das árbores previa á intervención.

Procederase tamén á renovación doutros parques como Barro, o Obre ou do paseo marítimo onde xa se procedeu á restauración do barco que supoñía mesmo un risco para a seguridade dos usuarios.

O plan complementarase con outras actuacións menores como a renovación de elementos e cambio do chan nas áreas de xogo de Taramancos e outros núcleos.