A coordinadora veciñal ‘Á beira do mar’ da Illa reúnese co alcalde

    A ILLA DE AROUSA > A coordinadora veciñal ‘Á beira do mar’ da Illa de Arousa reuniuse co alcalde para achegarlle a súa postura sobre o problema que teñen unha serie de veciños con Costas e tamén sobre o trazado da estrada do Xufre.

    Representantes da coordinadora veciñal ‘Á beira do mar’ da Illa que preside Elisardo Paz reuniuse co alcalde para pedirlle que intermedie na paralización dos expedientes sancionadores contra moitos propietarios da Illa afectados por Costas. Elisardo Paz pediu unha vez mais que se cumpra o acordo plenario de novembro de 2005 no que ademais de paraliza-los expedientes  se pedía a reducción a 50 metros da liña de proteccíon do litoral e a 20 nas zonas do Cabodeiro e Abilleira. Para iso queren que tanto os políticos como os veciños se reunan co delegado e Facenda e co Director de Urbanismo mentres se elabora o Plan Especial de Insularidade.

    Pero na entrevista tamén se falou da nova estrada de acceso ó Xufre que segundo estes veciños prexudica a moitos propietarios. Queren que o trazado vaia máis pola costa para evitar que queden terreos mortos entre o vial e a costa.

    Redacción Salnés