VILAGARCÍA> A Deputación de Pontevedra cifra en 30 millóins de euros os seus investimentos nas comarcas do Salnés e Caldas neste 2024. O presidente provincial fixo hoxe balance deste último ano en Vilagarcía, salientando o impulso nestas comarcas ao deporte, a cultura ou o turismo. Luis López fixo especial fincapé nos investimentos provincial en Vilagarcía, con proxecto como a humanización de Conde Vallellano ou a renovación de Fontecarmoa.
Nun almorzo informativo en Vilagarcía cos medios de comunicación da zona, o presidente da Deputación de Pontevedra fixo balance do feito neste último ano nas comarcas do Salnés e Caldas. Luis López cifrou o investimento en máis de 30 millóns de euros, a través de programas como o +Provincia, o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, o PON2030 ou en diversas actuacións do servizo de Infraestruturas.
Na comarca do Salnés, López salientou as achegas que recibe o concello de Vilagarcía, segundo indicou, un dos que máis recibe da zona.
Nesta comarca tamén puxo como exemplo unha achega de 800.000 euros para o miradoiro da Peixería de Sanxenxo, preto de 750.000 euros para a reforma do complexo deportivo das Bizocas, no Grove, 470.000 para a reforma da escola infantil de Meis ou 420.000 euros para a primeira fase da mellora da pista deportiva de Dena, en Meaño. Destacou tamén a mellora da estrada Baión-András, en Vilanova.
Na comarca de Caldas, a Deputación financia o 100 % dos proxectos de saneamento de residuos en Soutelo de Abaixo por 400.000€, así como a citada intervención na estrada Caldas-Vilanoviña. En Moraña estase a financiar con 1,3 millóns de euros o ensanche da estrada Mané Rebón. O organismo provincial destina en Valga 520.000 euros para unha senda peonil e en Pontecesures, máis de 460.000 para o acondicionamento da estación de tren.











