Paso adiante para a ampliación do polígono de Xarás

    RIBEIRA > A Xunta Local do Concello de Ribeira vén de aprobar o plan parcial para a ampliación do polígono industrial de Xarás. A actuación suporá o incremento de máis de cen mil metros cadrados de superficie útil que complementarán o parque que actualmente presenta unha extensión de 300 mil metros cadrados.

    Trala aprobación inicial, o proxecto conta xa cos informes favorables do secretario xeral e o arquitecto municipal, garantindo que o plan cumpre os criterios do Plan Xeral e a normativa urbanística vixente. A partir de agora iníciase unha fase de exposición pública e notificación ós afectados durante a cal deberanse realizar os informes de tódolos organismos competentes. Se tódalas valoracións son favorables o proxecto será aprobado pola corporación municipal en pleno.

    O proxecto contempla a ampliación do polígono de xeito paralelo á estrada comarcal AC-305 que une Ribeira con Noia ocupando unha superficie bruta total de 180 mil metros cadrados con máis de 15 mil para zonas verdes e 11 mil destinadas a áreas de equipamento.

    A superficie total para a edificación de naves industrias suporá uns cen mil metros cadrados.

    A nova superficie presentará un carácter totalmente funcional posto que estará conectada co resto do polígono e coa estrada comarcal mediante viais de acceso.

    Con esta actuación vense solucionar en gran medida un dos problemas máis importantes para o tecido empresarial de Ribeira: a falla de chan industrial.

    A intención do executivo con este tipo de actuacións é estimular ós empresarios para que sigan apostando por Ribeira mantendo o concello como motor de dinamización industrial da comarca.

    Por este motivo, o concello ten previsto seguir traballando nesta liña para satisfacer a crecente demanda de solo industrial. O executivo baralla a posibilidade de habilitar a zona situada por riba da vía rápida e destinala a usos industriais, tal e como demanda a Asociación de Empresarios de Ribeira.

    Redacción Barbanza