Fátima Abal supera a investidura, pero coa incógnita de como será o seu goberno

CAMBADOS> En Cambados non houbo sorpresa de última hora e finalmente Somos Cambados votou a favor da socilista Fátima Abal. Fixérono grazas a un acordo pechado na noite anterior, a escasas horas do pleno. Segundo Somos, nese pleno tamén se contempla un reparto de responsabilidades dentro do novo executivo, algo que non gustou ó BNG. No Bloque din que eles entrarán no goberno só se as negociacións son “a tres”, non como ata o de agora.

Superou o primeiro chanzo, o da investidura, pero agora a Fátima Abal quédalle o máis difícil: conseguir un goberno de maioría absoluta no pleno. A socialista non o vai ter doado, xa que para iso precisa do apoio do BNG. Os nacionalistas din estar molestos polo xeito no que se fixeron as cousas na véspera do Pleno de investura. No bloque cualifican de “reparto de botín” o acordo entre PSOE e Somos. Piden que as negociacións comecen agora e que se fagan a tres bandas.

A alcaldesa de Cambados réstalle importancia ó entendemento con Somos Cambados. Di que non é un pacto de goberno, aínda que recoñece que nas conversas se abordou o reparto de áreas.

Pero dende Somos Cambados si falan da sinatura dun acordo, condición para apoiar a Abal na súa investidura. Agora din confiar en que o BNG se sume. As negociacións entre PSOE, Somos Cambados e BNG encaran esta semana unha nova fase. Está por ver se o municipio estará finalmente gobernado por un bipartito en minoría ou un tripartito coa maioría absoluta do Pleno.