RIANXO> O autobús da Xeración D recala estes días en Rianxo para axudar á cidadanía na mellora das súas competencias dixitais. Trátase dun proxecto impulsado polo Ministerio de Ciencia e Tecnoloxía que se está a desenvolver en varias localidades de toda España.
Facilitar o acceso ás novas tecnoloxías e rachar coa fenda dixital. Este é o obxectivo do proxecto Xeración D que estes días desprega a súa flota de unidades móbiles pola provincia da Coruña. Unha delas recalou en Rianxo onde moitos veciños teñen ocasión de mellorar as súas competencias dixitais a través de talleres e actividades.
Ademais de familiarizarse con novas ferramentas dixitais e poñer a proba as súas competencias a través dunhs experiencia inmersiva, os usuarios poden participar en actividades máis lúdicas como este escape room.
A experiencia da Xeración D non remata aquí posto que o proxecto ofrece ós visitantes a posibilidade de matricularse en talleres online para afondar no coñecemento dos buscadores de internet, redes sociais, ciberseguridade ou xestións online entre outros co fin de aprender a manexarse día a día nunha sociedade cada vez máis dixitalizada.











