O Club de Remo Pobra solicita axuda para a compra dunha nova traíña

    POBRA > O Club de Remo da Pobra do Caramiñal vén de iniciar a recadación de fondos para a adquisición dunha nova traíña valorada en 30 mil euros. Na actualidade o equipo pobrés está adestrando cunha embarcación cedida polo Club de Remo Cabo de Cruz, despois de que un accidente o pasado mes de marzo causara graves desperfectos na traíña coa que competían ata o momento, inutilizándoa case por completo.

    O presidente do Club de Remo Pobra, Andrés Fernández, compareceu este venres ante os medios de comunicación para facer chegar á opinión pública a urxente necesidade de contar cunha nova embarcación en propiedade para levar a cabo os adestramentos e participar nas competicións deste ano, entre elas a importante Liga Noroeste de Traíñas.

    O equipo iniciou os contactos co asteleiro AMILBIA no País Basco para a compra desa nova traíña que suporá un desembolso para o club duns 30 mil euros e que podería ser entregada ó longo deste mes, inmediatamente antes do comezo da liga de traíñas.

    Para materializar a compra, o Club de Remo está a realizar diversas xestións coas distintas administracións, tanto a nivel local como tamén no ámbito provincial e autonómico e coas empresas do municipio co obxectivo de recada-los fondos necesarios para adquiri-la dita embarcación.

    Polo momento, o Club de Remo Pobra xa conta coa colaboración da empresa Albacora que achegará uns seis mil euros a través da súa liña de productos Campos.

    Os directivos do club agardan contar nos próximos días co apoio doutras compañías da zona co fin de facer efectiva a adquisición da embarcación canto antes.

    Redacción Barbanza