Un grupo de americanos expertos en viño achegouse a Cambados

    albarino copia100.jpgCAMBADOS> En xuño, a vila tamén recibirá a visita dun importante adegueiro californiano interesado en coñecer a esencia e orixe do albariño.

    A vila converteuse no lugar de parada dun grupo de dez norteamericanos que viaxan polo sur de Europa para coñecer as rexións máis importantes para a produción vitivinícola. A comitiva estivo encabezada por Adrian McManus, único británico Cabaleiro do Albariño e primeiro pregoeiro estranxeiro da festa. El foi o encargado de actuar como embaixador e intérprete do grupo.
     
    Dentro da súa estancia en Cambados, os visitantes fixeron un percorrido polo Conxunto Histórico cambadés, para despois coñecer varias adegas próximas á vila, entre elas Mar de Frades e Agnus Dei.
     
    Esta visita está organizada pola axencia americana Grape Hop, con sé central en Nueva Jersey e que se dedica ó turismo relacionado coa enogastronomía. Precisamente esta axencia prepara outra importante viaxe dende Estados Unidos a Cambados: desta volta será o importante adegueiro californiano e presidente do Santa Bárbara Wine Club, Rick Longoria o que visite a vila cambadesa. Longoria chegará ó Salnés acompañado dunha comitiva de expertos o vindeiro 14 de xuño, co obxectivo de coñecer a esencia orixinal do albariño e o territorio onde se asenta da DO Rías Baixas.
     
    Redacción Salnés