Os farmacéuticos lembran a necesidade da fotoprotección de cara ó verán

    RIBEIRA > O Colexio de Farmacéuticos da Coruña presentou en Ribeira a campaña Farmasol que este ano acada xa a súa sexta edición. O obxectivo é lembrar á poboación a necesidade de tomar precaucións á hora de expoñerse ó sol para evita-los seus efectos daniños.

    Coa chegada do verán é conveniente lembrar os riscos que pode supoñer unha prolongada e desaxeitada exposición ós raios solares. Así o entende o Colexio de Farmacéuticos da Coruña que, por sexto ano consecutivo, vén poñendo en marcha a Campaña Farmasol.

    Os farmacéuticos Xurxo Ferrón e Mercedes Enguix presentaron o lema da campaña ‘Faite amigo do sol’ que ten por obxectivo aprender a desfrutar do sol aproveitando os seus efectos beneficiosos e prescindindo dos seus aspectos nocivos.

    De feito, o sol favorece a síntese de vitamina D, axundando á absorción do calcio e a previr doenzas como a esteoporose ó mesmo tempo que reforza o sistema inmunolóxico e facilita a circulación sanguínea. Sen embargo, o abuso dos raios ultravioleta repercute no espesor e envellecemento prematuro da pel coa aparición de manchas cutáneas e o aumento do risco de desenvolver melanomas.

    Estas consecuencias negativas poden evitarse utilizando unha fotoprotección axeitada a cada tipo de pel. Neste punto aínda non existe consenso en torno ós factores de fotoprotección posto que hai diferentes escalas para medir os filtros solares. Os expertos avogan pola homoxeneización da norma para garantir a total seguridade dos cidadáns. De feito, os envases das cremas protectoras deben proporcionar a información precisa do seu contido, indicando o factor de fotoprotección así como a súa composición e a súa resistencia á auga.

    Os expertos inciden ademais en que a exposición ó sol non se produce unicamente na praia senón que hai moitas outras situacións nas que a nosa pel está exposta ós raios UVA como pode ser paseando, realizando actividades ó aire libre e mesmo traballando. De ahí a importancia de manter protexida a nosa pel en todo momento.

    O éxito desta campaña refléxase no incremento de vendas de cremas fotoprotectoras nos últimos anos posto que existe unha maior concienciación entre a poboación dos riscos derivados do sol na que inflúe a diminución da capa de ozono e a aparición de problemas na pel a longo prazo.

    Redacción Barbanza