Créase protocolo de coordinación para os casos de emerxencia social

    RIBEIRA> O concello acollía esta mañá unha reunión dun total de quince axentes, representantes de distintas asociacións e colectivos locais vinculados coa emerxencia social. A finalidade desta xuntanza non era outro que ir dando pasos cara a creación dun Consello Local de Inclusión Social que vele pola actuación coordinada de tódalas entidades implicadas en atender ás persoas que están a pasar por dificultades. O encontro contou coa participación de membros do Departamento de Servizos Sociais e Promoción Social, entre os que se atopaba o propio edil, Vicente Mariño, das ONG’s Cruz Vermella, Cáritas e Eloraj e da plataforma Stop Desahucios. Esta primeira toma de contacto serviu para facer unha posta en común da perspectiva que cada colectivo ten da situación actual, así como para explicar as actuacións que se están a desenvolver e os recursos que se teñen. Durante a xuntanza acordouse elaborar un protocolo de coordinación no que se recollan tódalas pautas a seguir por tódolos axentes cando se produza un caso de posible emerxencia social. Así mesmo, estableceuse un calendario periódico de reunións que se materializará en xuntanzas o último xoves de cada mes, tendo ás dependencias de Servizos Sociais, na Praza 8 de marzo como sede. Outra dos asuntos abordados foi a necesidade de realizar unha maior promoción dos servizos, entidades e recursos existentes en relación coa emerxencia social polo que se propuxo a elaboración dalgún tipo de material informativo.